Síndrome causada ao visitar París por primeira vez e descubrir que a cidade non é o que agardabas
O outro día faláronme disto, non tiña eu noticias previas sobre algo semellante Cando aparece a palabra síndrome referida a algún asunto mental sempre me vai resultar “jugoso”. E con respecto a esta en concreto vexo varios aspectos interesantes.
Un deles é o feito que explica na wikipedia de que o primeiro en diagnosticalo foi un psiquiatra xaponés residente en París; é como o que descubre un meteorito ou algún corpo celeste. Supoño que para estas cousas hai que darse présa para que non che pisen a idea e perdas de ter certo prestixio na comunidade profesional... que non se “descubre” unha síndrome tódolos días eh! (aínda que sempre podemos poñerlle nomes e etiquetas a case todo, cuestión de imaxinación).
Segundo a descrición de dito fenómeno, este causa síntomas psiquiátricos tales como: unha aguda desilusión, alucinacións, sentimentos de persecución (a percepción de ser vítima dalgún prexuízo, agresión ou hostilidade dos demais), desrealización, despersonalización, ansiedade e tamén manifestacións psicosomáticas tales como mareos, taquicardia, aumento da suoración e outros síntomas.
Con respecto ás manifestacións psicosomáticas (mareos, taquicardia, aumento da suoración) teño que dicir que hai un par de semanas calquera en París (e en case toda Europa) padecía iso mesmo; sería a vaga de calor ou case todo o mundo padecería a síndrome?
Cando es guiri tamén pode ser moi fácil que sintas que te “tratan mal” algúns autóctonos; xa que estes últimos acaban un pouco ata os güevos de tanta xente de fóra, porque hoxe en día os turistas somos verdadeiras mareas humanas. E tamén hai quen busca sacar tallada fácil e adícase a estafar a incautos, se poden.
Algún tipo de alucinación tampouco e demasiado raro que poidamos experimentar, é algo relativamente fácil: bebemos, ou comemos demasiado, ou algo que non estaba en moi bo estado, ou hai unha vaga de calor... Sería cuestión de saber que tipo de alucinacións refiren os afectados.
Algo importante con este “trastorno psiquiátrico” é que maiormente o sufre unha cultura concreta: os xaponeses. Segundo explican en internet os xaponeses en xeral deben crer tal cal toda a publicidade e información que lles meten por pantallas de todo tipo. Ben, non só os xaponeses sofren iso, por desgraza a maioría da xente non se cuestiona nada do que mostran nos medios nin contrasta informacións, cando iso é algo CRUCIAL neste mundo no que vivimos. Polo visto esperan que París sexa como en “Amelie” e ademais cren que a xente viste de alta costura e son todos modelos (polo tanto tamén creran que levan boinas de cores e teñen unha baguette pegada ao sobaco). Non os fago eu tan inocentes, ou iso intento crer, pero sempre hai de todo en todas partes, e as xeneralizacións, tan comúns no xénero humano, son un gran inimigo da realidade. Pero igual alí lles teñen demasiado comido o tarro, non sei como son alí as cousas.
Algo que tamén é a destacar nesta síndrome “descuberta” polo psiquiatra en cuestión, é que de 6 millóns de turistas xaponeses anuais que visitan París, sofren esta síndrome a calafriante cifra de... 20 persoas, aproximadamente, cada ano.
O tema realmente importante, e que nos vale a calquera persoa de calquera cultura do planeta, é que o shock entre o imaxinado e o experimentado pode joder bastante. O que todo o mundo coñece por EXPECTATIVAS, vamos.
Por sorte e ata certo punto é algo sobre o que podemos ter bastante control, en principio. Pero a mente humana tende a elucubrar bastante, e ás veces “entusiásmase” e vai a canón, e en ocasións pásase bastante de freada. Teoricamente non daría moito problema non esperar demasiado dos posibles resultados de algo e non anticipar, senón estar simplemente á expectativa e ver o que pasa cando estea pasando. Vale que ás veces custa controlar o que pensamos, pero saber que o que imaxinemos e o verdadeiro resultado poden non ter nada que ver é unha pequena vacina fronte ao que pase ao final.
Tódalas persoas temos a típica experiencia (que ademais é así nun 80% das ocasións, polo menos) de que anticipamos un resultado sobre algo e pasámolo fatal durante un tempo ata que acaba pasando, e cando finalmente sucede resulta que flipáramos de máis co imaxinado e a realidade era moito máis benévola que o que sucedía no noso maxín. Polo visto tamén lles pasa isto aos xaponeses con París pero en sentido contrario, móntanse unha película sobre o supermarabilloso que é pero é unha cidade como calquera outra; con pobreza, sucidade, persoas bordes, obras, xente fea, borrachos... e tamén edificios e obras de arte marabillosas, xente amable e preocupada, sitios coidados e arregladiños, xente atractiva... Como todas partes, vamos, que hai de todo.
É bo manter unhas expectativas normaliñas para todo, neste mundo case todo é mediocre e iso é o habitual, pero temos asociada esa palabra a algo chungo cando simplemente significa: de grao medio ou sen calidades excesivamente sobresaíntes. A ninguén lle gusta considerarse mediocre pero todas o somos na maioría dos aspectos, pode que nalgún non, pero si na maioría. E si, podemos destacar nalgún aspecto, pero non na maioría. E nos que destacamos, non seremos os únicos que o fagamos.
Como di o título dunha canción: “everything in moderation”, as expectativas sobre calquera cousa tamén deberían rexerse por esa máxima. E poderíanse evitar malos rollos extra e innecesarios...
Σχόλια