top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

Algo diferente

Esta semana pasada, unha amiga puxo algo no seu muro de Facebook que me deu pé a pensar que era unha boa idea falar do tema. En realidade o que colgou é unha das máximas no meu traballo, ou máis especificamente, é unha das máximas de como eu traballo (non son the only one, hai máis), porque os psicólogos e psicólogas, así coma fisioterapeutas, médicas, nutricionistas, xente adicada ás ventas, avogadas, artesáns... e persoas de case todas as profesións, non traballamos todas igual, manexamos teorías distintas nas que nos baseamos para levar a cabo o noso traballo ou simplemente facemos as cousas distintas unhas persoas de outras.


Pois ben, indo ao que ía (que ás veces marcho a Úbeda a dar unha volta polos cerros) o que colgou a miña amiga no seu muro foi isto:

Non estás atrapado. Só estás comprometido con certos patróns de comportamento porque no pasado axudáronte. Agora eses comportamentos resultan máis prexudiciais que útiles. Os motivos polos que non podes avanzar é porque segues aplicando unha vella fórmula a unha nova circunstancia na túa vida. Cambia a fórmula para obter un resultado diferente.


Pois exactamente esa é unha das bases de moitos bos resultados; por dicilo rápido e claro: cando algo non funciona, proba algo diferente. Tan “sinxelo” como iso, ala!

Ben, hai que ter unha cousa clara, e é que moitas destas frases e sentencias que atopamos por aí adiante, sobre todo nas redes sociais, son... non sei como dicilo para ser politicamente correcto (aínda que non comparto demasiado este concepto nin o que pretende, buenoo! isto daría para outro post), a ver... son frases facilonas? demasiado típicas? un pouco “chorras”? obvias? Non sei, mais supoño que vos facedes unha idea do que quero dicir...


Esta da que falo en concreto paréceme bastante boa, pero outra cousa que hai que ter en conta é que algunhas ideas (como a expresada pola frase) valen para certas cousas pero para outras non tanto. Esta frase pode valer simplemente para explicar que sucede en determinada situación, pero aparte de explicala, pouco máis pode aportar. Porque unha vez que pensas que é aplicable a ti, ou que pode servir para explicar un momento da vida de alguén, aínda queda a parte difícil: levala a cabo. Non é nada fácil isto. Aínda que un aspecto interesante é que cando sabemos algo e somos conscientes dese algo, pode ser máis fácil buscarlle amaño. É obvio que se non temos certa información non podemos usala. E, a pesar de que por azar pase algo ao respecto que resolva a situación, tamén é fácil que non relacionemos ese acontecemento ao azar co efecto que produce.


Imaxinade que alguén cércano a vós (pode ser unha amizade, un familiar...) ten o costume de falar sempre altísimo e, aparte de resultarvos moi molesto, é un cante cando estades nunha situación social con máis xente descoñecida porque todo dios mira para vós. E hai tempo que descubristes que se cando sucede iso baixades o voso nivel de decibelios, a outra persoa acaba baixando o volume por un efecto de “imitación”. Pero entón atopádesvos cunha persoa diferente que ten a mesma característica e que aínda que probades a mesma táctica non ten efecto ningún, e vós, desesperadas, seguides a probar o mesmo por simple inercia e co convencemento de que se daba resultado antes ten que dalo tamén agora a narices.


Facer algo diferente, non é tan doado. Estamos tan acostumados e acostumadas ás nosas formas de facer as cousas e aos resultados que proporcionan, que ás veces non temos a imaxinación suficiente para cambiar determinado xeito de actuar porque ata ese momento era a solución lóxica e natural, e pensamos que se non funciona é porque a aplicamos mal ou con pouca intensidade. Entón simplemente nin nos cuestionamos facer algo diferente.


Outra situación posible, e nada estraña, é que algún intento de solución parece diferente pero non o é tanto. Se, por exemplo, o noso fillo pequeno non recollía a súa habitación e despois de que nos enfadáramos un pouco si se puña a facelo, podemos crer que xa atopamos o xeito. Pero aos poucos meses volta a non recoller e enfadarse un pouco xa non funciona, entón aumentamos o enfado (típica solución, en gran parte lóxica, aplicar máis intensidade ao que funcionaba), e nada. Quitámoslle tempo de xogo... funciona (daquela maneira) un par de veces e logo xa non. Berramos máis e quitámoslle xoguetes e non lle deixamos saír xogar cos veciños... e nada. Todo iso pode parecer diferente pero segue a ser o mesmo tipo de solución. Entón ocorréselle, á avoa por exemplo, facer da “tarefa” de recoller algo que si é diferente: un xogo cun premio, e... tachán! Conseguido.


En realidade hai infinidade de formas de lograr un fin, pero non sempre conseguimos saír da fórmula que nos funcionou outras veces, ou de cousas parecidas-iguais. A pesar de que xa non valen atopámonos “atrapados” polo de sempre.


Ás veces pode ser que ese algo diferente atopémolo, cando a nosa imaxinación non o conseguiu por si soa, na inspiración que pode proporcionarnos unha amizade, un familiar, unha escena dunha película ou unha serie, un parágrafo dun libro ou un artigo (ou incluso profesionais do meu ramo... que para iso estamos).

0 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


bottom of page