O outro día nunha sesión de psicoterapia saíu durante a conversa o tema da música, máis en concreto por que a xente cando está de baixón escoita música melancólica e tristona que produce aínda un baixonazo máis grande? Metidos na merda, pois a rebozarse nela... puidera parecer. Pois si, en moitas ocasións sucede isto, seguro que a maioría de nós pode dicir que o fixo máis dunha vez. Pero a que se debe esta tendencia que hai ás veces de ir máis alá cando xa estamos chungos dabondo? Ben pode ser a tendencia humana de ver ata onde podemos chegar, por chungo que sexa. E outras veces simplemente deixarse levar.
Con respecto á música, segundo algunhas teorías, hai distintas hormonas que se segregan no torrente sanguíneo cando a escoitamos e proporcionan alivio e consolo cando estamos tristes, ou calma cando estamos nerviosos, incluso maior pracer cando xa estamos a gusto. Pero a pesar das posibles evidencias científicas, cada persoa é un mundo como para estar totalmente seguros, e certificar a ciencia certa que os efectos sempre serán os mesmos en cada persoa, individualmente de como sexa cada un, como sexan as circunstancias do momento ou como se atope un nun determinado intre.
Iso si, a música está entre os elementos que causan máis pracer na vida, cando escoitamos atentamente e lle prestamos a nosa atención libera dopamina no cerebro, o mesmo que a comida, o sexo e algunhas drogas.
Pode ter o marabilloso e abraiante poder de cambiar o noso humor. Podemos usar a música para cambiar estados de ánimo: pode animarnos un pouco ou incluso chegar a poñernos case eufóricos; pode liberar a nosa rabia e servirnos de catarse ao liberar enerxía como cando facemos un exercicio intenso; tamén pode relaxarnos en momentos máis ou menos tensos; e tamén pode poñernos melancólicos a mazo ou poñernos tristes porque a relacionamos con determinados momentos vividos ou polo que nos conta na súa letra. Pode facer xurdir un verdadeiro abanico de emocións.
Por que nos gusta determinado tipo de música? Sobre isto non teño nin puñetera idea, pero estaría ben un estudio neurocientífico aínda que fora simplemente para pasar un anaco entretidos e opinar ao respecto, posto que tampouco revelaría nada que fose unha certeza absoluta (hai que ter en conta que serían simplemente teorías). Porque as neurociencias dan informacións supostamente máis “científicas e obxectivas”, pero tampouco son a panacea e explicación pechada e definitiva de todo fenómeno que sucede a nivel cerebral. Pode “explicar” como funciona o tema en xeral ou nunha maioría máis ou menos ampla das persoas, pero de aí a que sempre sexa así... non as teño eu todas comigo. Son un escéptico das xeneralizacións. Ademais non creo que cheguemos a saber nunca como funciona exactamente todo aí enriba, dentro do cranio (aínda que hoxe en día xa sabemos dabondo).
Aínda así tamén teño teorías sobre os gustos musicais: creo que pode haber distintos determinantes, un dos que creo que teñen máis peso na poboación en xeral é o de que pode acabar gustándote o que botan en todas partes (a música máis comercial e convencional) simplemente porque é o que te meten polos oídos e acostúmaste. Pero tamén pode ser que un día escoites algo que sen saber por que fai un “clic” no teu cerebro e xa está, quedas enganchado. E tamén que nos gusten varios estilos, e uns nos presten máis que outros segundo o momento. En fin, todo un misterio como tantos outros.
A música leva con nós desde o comezo das civilizacións ou incluso antes, supoño, e seguimos a usala con distintos fins. Por exemplo: xa desde moi antigo os cantos relixiosos, tribais, etc. en moitas ocasións suponse que inducían transos e/ou aliviaban tensións; os tambores, instrumentos de vento, etc. que usaban os guerreiros estimulaban e daban coraxe e bravura ás tropas antes e durante o combate; a rapazada desde sempre aprendeu cousas con rimas e música; actualmente a música en eventos deportivos pretende incitar ao entusiasmo; os centros comerciais poñen música para atraer consumidores e mantelos na tenda (supostamente claro, eu teño marchado de sitios por culpa da música); en moitas clínicas dentais poñen música coa idea de calmar aos pacientes algo reticentes a que lles fedellen demasiado na boca.
A música é un excelente invento humano, e aínda que nos flipe algunha e odiemos outra, incluso ata o punto de que nos faga verdadeiro mal, é algo que pode proporcionar momentos moi bos (a min custaríame vivir sen ela).
Comments