Si, como a fórmula típica que usan os marines nas pelis para falar cos seus superiores. E ademais así, todo en maiúsculas, porque os marines sempre falan como se o sarxento, ou quen lles cadre de mandarlles, estivera como unha tapia.
Isto do que falo hoxe aprendino en psicoterapia hai moitos anos, rematada xa a facultade (onde aprendes unha chea de cousas necesarias pero difíciles de aplicar segundo ao que te dediques). Estaba formándome nunha especie de “máster” en psicoterapia familiar (non se chamaba así para nada, eu creo que daquela ese nome usábase só para os do Universo, pero pode ser que sexa moi ignorante sobre o tema) que duraba tres anos, cunha xente moi capaz e onde aprendiamos cousas moi prácticas para poder empezar a traballar como psicoterapeutas, porque da facultade saías un pouco en bolas.
Alí vimos un caso dun tipo que era un maquinote no seu pero metíase unha presión tan grande para ser sempre o mellor que xa chegara a un punto no que o esgotamento, a obsesión e a caña que se metía a el mesmo empezaban a pasarlle factura; tiña un estres como nunca sentira, faltáballe o aire (literalmente), cometía un montón de erros que nunca tivera, pasaba unhas dixestións terribles comera o que comese, durmía peor... estaba como o cu, vamos. Despois de 2 ou 3 sesións currándose o tema (facían terapia breve, aí perfeccionei), o psicólogo-profe que levaba o caso puxo sobre a mesa a idea de “darse permiso” para non facer todo perfecto (moi moi currado ao longo desas sesións, obviamente) e a idea foi man de santo para o paisano. Na seguinte sesión xa se notaba que era outro.
Lembro que a min aquelo parecérame a hostia, parecía tan sinxelo... que non o é, claro, pero parecíao.
Ao lembrar o caso do tipiño este pensei en comentalo, sobre todo porque a día de hoxe parece que sempre hai que ser o máximo en todo, ou así se entende se nos fixamos na publicidade, en montóns de programas de m%@#a que botan na TV, tamén no que se transmite en innumerables formacións en disciplinas variadas... Como se estiveramos aquí para ser don e dona perfectos, e se non o conseguimos convertémonos no paria do noso grupo (de estudo, de traballo, de amigos, da familia, etc.).
O problema é que se non damos ese permiso, a presión creada, en moitas ocasións, fai que a caguemos cando non o fariamos seguramente se non existira tal presión e se houbese o permiso. Ter ese permiso non significa que vaiamos a facer todo mal sempre polo simple feito de telo. É como cando se fala da permisividade con algún tipo de drogas, o feito de legalizar non implica en absoluto que todo dios se bote a consumir como se non houbese un mañá, a xente que consuma vai consumir igual pero evitaríanse outros problemas (isto dá para un montón de posts e para polémicas a saco, de momento paso).
Ben, volvendo de Úbeda, en realidade a idea de ter que ser o mellor en todo diría que existe desde que existe a humanidade só que hoxe en día co globalizados que estamos, o acceso de calquera á tecnoloxía e a cultura imperante parece algo que está en todas partes en todo momento. Nunca vin unha publicidade ou nada semellante na que se fale de que podemos fallar e de que as cousas poden saír mal...
Isto de poder darse permiso tamén deberiamos usalo cara os demais, facerlle ver á xente achegada ou coa que teñamos trato ou coa que traballemos, que fallar é algo que moitas veces pode pasar. Habería moita xente máis relaxada, sen que iso tivera que supoñer que fixeran todo como se fosen inútiles, que tampouco somos parvos e a todo o mundo nos gusta que nos recoñezan as cousas cando as facemos ben. Como xa comentei máis arriba, o permiso non implica dicir: “Veña! A facer todo como o cu! Que dá igual!”.
Poderiamos usalo coma se fose un diálogo interno de cada un, saber que é posible, para auto permitirnos certa marxe de manobra e non facer un drama enorme se algo sae mal a fin de contas.
É gracioso, acabo de lembrar que no sitio onde pasaba o verán houbo un garito que se chamou “O Frakaso 4”, con moito orgullo. Creo que xa fracasaran outros (3) negocios no mesmo local; iso si que é darse permiso, carta branca para o que poida pasar...
Comentários