Hai uns meses din unha charla na que falei de certos mecanismos de funcionamento do noso cerebro e como afectan estes á visión que temos do mundo que nos rodea, e como nas interaccións co medio e coas persoas créanse realidades determinadas. Pensei en aproveitar o blog para tocar este tema en varios post sucesivos, porque ademais xa hai tempo que non atopo un momento para postear algo...
Algo básico sobre a percepción da realidade é a forma na que percibimos calquera cousa en xeral, pero quero referirme, sobre todo, a como pode afectar ás interaccións entre as persoas que nos rodean, e á nosa propia interacción con outros.
O tema de: que é a REALIDADE? é bastante controvertido e fonte de múltiples cristos desde sempre, e hai diferentes definicións da palabra, por exemplo a RAG defínea como ”calidade de todo o que é real, non só aparencia ou invención; o que existe realmente”; e segundo a RAE: ”existencia real e efectiva de algo; verdade, o que ocorre realmente”. Ben, respecto a estas definicións, non é por nada, pero introducir na definición a palabra definida é raro e pouco aclaratorio, diría eu. Quizais algo como “o que podemos ver, sentir e experimentar; o procesado e elaborado polo noso cerebro a partir dos estímulos recibidos”, paréceme algo máis axustada, sen ir en plan chulito eh! que eu non son catedrático e non teño unha poltrona cunha letra.
Unha parte moi interesante das posibles elaboracións da realidade é o apaixonante mundo das ilusións sensoriais, que abarcan todos os sentidos: ópticas, auditivas, olfactivas, do gusto, do tacto e da propiocepción (a percepción do propio corpo e as súas partes no espazo), e da interocepción (a percepción do que sucede dentro do corpo, dos órganos do mesmo, e cousas como a respiración, a fame, a sede, a saciedade, a dor, etc). Con respecto ás sensacións da interocepción, cada un sinte as cousas de forma moi persoal e ademais, ao mesmo tempo, resulta moi complicado explicar con palabras esas sensacións internas, pois cada un domina de diferente xeito o idioma... (así, ás veces, temos problemas para explicar -e que nos entenda- un médico ou médica cando falamos dunha desas sensacións internas). Respecto ás outras sensacións (as dos sentidos externos, digamos), pode haber ilusións creadas polo procesamento “erróneo” que fai o cerebro. En internet atoparedes un montón, aínda que se centran moito nas visuais.
Nalgún sitio lin hai un tempo que algún estudo científico calculou que ao noso sistema perceptivo poden chegar máis de 11.000.000 de inputs, ou unidades de información ou estímulos básicos, nun só segundo!! (hai distintos estudos con cifras moi diferentes, cousas da neurociencia... quedeime con este como podía coller outro). Pero claro, se o noso cerebro pretendera procesalos todos colapsaría totalmente e quedaría “frito”, literalmente tolearíamos.
Que fai o noso cerebro para non colapsar ante tal cantidade de estímulos que chegan aos nosos sentidos coa idea de envialos ao cerebro para ser procesados? FÍLTRAOS. É como se tiveramos unha serie de coadores que só deixan pasar determinadas partes de información. E estes coadores teñen distintas capacidades ou propiedades. Así algúns funcionan eliminando determinada información “non relevante” en algúns casos, ou dándolles determinada aparencia en outros.
Estes filtros funcionan de forma máis ben inconsciente, non nos damos conta de que o facemos no momento no que o facemos, salvo que manexemos esta información que estamos a explicar, entón, nese caso, e se analizamos as situacións a posteriori, si é posible que detectemos que tal ou cal información pasou por tal ou cal filtro.
Como xa dixen, a función deses mecanismos neurolóxicos de filtrado son que o noso cerebro non pete, e tamén facilitarnos a vida, ou máis ben aforrar traballo cerebral... pero pasa ás veces que, segundo distintas circunstancias, pode complicarsenos a vida cando procesamos a información porque lle damos un sentido concreto, diferente que outra persoa, cousa que podemos comprobar ás veces cando a comparamos con como a procesou outro cerebro distinto. Porque ao poñer en común a interpretación que facemos dunha mesma información podemos atoparnos con lecturas radicalmente diferentes.
E precisamente por isto pode suceder que a información que procesamos non coincida exactamente coa idea coa que se transmitiu. A idea do cerebro humano é ir automatizando tarefas para lograr menos sobrecarga e poder facer máis tarefas, o cal tamén pode ter o seu coste.
Así atopamos multitude de confusións, malentendidos, interpretacións moi moi diferentes... Cousas que nos resultan incomprensibles e que moitas veces achacamos a unha mala idea intencionada do interlocutor, cando é bastante probable que os filtros neurolóxicos estean facendo o seu traballo, con resultados variables segundo as diferentes circunstancias.
Os filtros non funcionan igual en todas as persoas, ben, máis ou menos si, pero iso non quita que cada cerebro pode chegar a conclusións diferentes cunha mesma información.
Máis adiante concretarei e exemplificarei estes filtros. A miña idea é que manexando este tipo de información podemos entender mellor certas situacións que se dan na vida cotiá, ou polo menos sementar a dúbida (cousa que non é tan mala) de que o que entendemos en ocasións só ten esa única interpretación que lle damos nese momento.
Comments