top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

A escravitude do "quedar ben"

Unha vez ían por un camiño un home e o seu fillo pequeno cun burro. Os tres ían andando e cruzáronse a dúas persoas que ao velos comentaron -“que parvos, cun burro e ningún subido a el”-. Como non lles gustou o comentario decidiron que subira o neno. Cruzáronse a outros que dixeron -“xa lle vale ao rapaz, o pai maior e o que vai enriba do burro é o neno”. Vaia... Cambiaron e subiu o pai. Os seguintes que atoparon tampouco quedaron calados e falaron entre eles –“o pobre do neniño a pata e o pai todo pancho no burro, mira ti vaia pai”. Nada... parecía que non podían contentar a ninguén, entón probaron a combinación que lles quedaba; subir os dous... Atoparon entón a outros que quedaron escandalizados –“que brutos, os dous subidos ao burro, van desfondar ao pobre animal”-.


É moi, pero que moi difícil andar a ben con todo dios. Cantas veces teremos intentado quedar ben a costa de perder algún dos nosos valores, e pasándoo mal debido a esa traizón a nós mesmos? Ou que intentáramos aceptar algún discurso ou algunha actitude que realmente non compartíamos polo feito de conseguir caer ben, que falen ben de nós ou conseguir aceptación do tipo que sexa?



Algunha vez sacrificamos a nosa integridade momentaneamente para conseguir algo que consideramos moi importante... aí cada un debe ser o seu propio xuíz, cada un ou cada unha verá se unha cousa compensa a outra. É algo moi persoal porque son os valores de cada un, e aínda que compartamos eses mesmos valores e teñamos a nosa opinión, nós non somos a outra persoa.


Polo tanto existen ocasións puntuais nas que pode ser “recomendable” esta actitude de quedar ben, por poñer só un exemplo (claro que pode haber máis): ante as amizades de amigos nosos, para evitar unha situación incómoda para algunha das partes. Non compromete a moito sobre todo se non imos coincidir frecuentemente, e ademais tampouco é o mellor momento de mostrarnos moi críticos se non nos gusta esa persoa ou o que fai ou opina.


Ou sexa, que pode haber momentos puntuais nos que “ajoiagua”, e a tirar cara adiante. Pero, se eses momentos puntuais vólvense un vicio (por dicilo dalgún modo) e acabamos dicindo a todo que si, rindo grazas que non nos fan puñetera idem, ou incluso chegando a facer cousas que non fariamos doutro xeito... iso xa é que se nos foi un pouco a man ou perdemos algo de criterio nesa inercia de quedar ben sempre e como sexa.


Ser alguén que pretende “quedar sempre ben” é chungo por varios motivos: cara aos demais podemos parecer persoas sen ideas propias ou, no mellor dos casos, poden vernos o plumeiro; en ocasións pode notársenos na expresión da cara ou nalgún aceno que dicimos ou aceptamos unha cousa pero en realidade non opinamos así; tamén pode darse o caso de vernos na “obriga” de facer ou dicir algo que non queremos co conseguinte mal rollo para nós mesmos.


Ás veces quedar ben significa ser escravo das opinións alleas, angustiarse e estresarse porque non lle gustamos a fulaniño ou fulaniña... e outras veces quizais, nese intento de quedar ben, quedamos fatal con xente que era importante para nós (e viceversa) que ven claramente que queremos agradar por agradar custe o que custe.


Todos e todas nalgún momento puntual temos feito algo semellante, pero é importante que non se nos vaia das mans.


O ser humano é un ser sociable (maiormente), xúntase con outros seres humanos porque a convivencia en comunidade, en xeral, dá mellores resultados, pode ser máis cómoda, satisfai a necesidade de socialización e axuda á supervivencia. Pero todo ten que ter un límite, levarnos ben cos demais sempre que poidamos e polo ben común non está mal, pero se non estamos dispostos a aguantar segundo que cousas, pois non temos por que aguantalas, pasamos dese tema ou desa persoa e listo.


É imposible (e insán) levarnos ben con todo o mundo. Intentar ese malabarismo, en moitas ocasións, pode significar dar a razón en todo aínda que opinemos o contrario. Ter algunhas persoas a quen non gustemos é natural, non hai que tolear cando pasa iso, é así e xa está. Nunca ninguén gustou a todo o mundo.


Claro que a todas e todos nos gusta sentirnos queridos e queridas, que nos aprecien, que nos acepten, que nos apoien, etc. Pero tamén considero que é moi importante estar todo o ben que poidamos con nós mesmos, e se ese afán por gustar a todo cristo vai facer que non nos sintamos o mellor posible con nós mesmos, pois igual non merece a pena.

1 visualización0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comentários


bottom of page