O outro día (hai pouco) preguntábame se haberá moita xente que cando ten que facer unha determinada tarefa opta e busca a forma de facela o máis enrevesada e complicada posible... quero dicir a propósito. Eu xa asumín hai moitos anos que pode haber de todo neste mundo e poucas cousas me sorprenden, así que obviamente alguén o fixo e o fará nalgún momento. Pero esas ocasións serán estatisticamente inapreciables xa que o máis común será o contrario.
Malditos lacazáns, vagos, preguiceiros! Que non dan un pau ao auga! Dirían os fanáticos da vida complicada.
A vagancia está mal considerada. É certo que a connotación da palabra é bastante negativa, sobre todo nunha sociedade na que debes traballar todo o posible, na que debes amar o traballo, e na que o traballo “dignifica”...
Eu daría un aviso: como en todo, tampouco debemos abusar do traballo, que hai xente que o fai. Aínda que se son felices e non amargan aos demais, alá eles e elas.
Sobre o que dicía da vagancia: moitas veces considérase vaga a unha persoa que busca atallos para facer as cousas, que busca a forma de facer algo co mínimo esforzo posible, que prefire estar “ociosa” a estar traballando... E iso é malo? Realmente é unha máxima do ser humano, por como somos e como funcionamos, conseguir o mellor rendemento posible coa mínima enerxía necesaria: eficiencia enerxética. Hai que dicir que intentalo e conseguilo é diferente pero intentalo debería ser o habitual.
Un exemplo moi próximo sobre o que acabo de dicir: o cerebro. Nos nosos cerebros, por exemplo, a función que ten a atención é seleccionar os datos que interesan para levar a cabo determinada labor; se o noso cerebro non funcionara así, atendendo só a catro cousas necesarias para ese obxectivo, estouparía (se puidera) por un exceso de información, non fariamos as asociacións correctas entre ideas e levaría moitísimo tempo asimilar a información. Tolearíamos, literalmente. Colapsaríamos entre millóns de inputs que de pouco valerían para esa tarefa concreta.
Sobre isto da eficiencia enerxética, tamén hai quen o chama “Lei do Mínimo Esforzo”, e esta denominación tamén ten bastante carga negativa. Moita xente o inclúe nas frases nas que queren indicar que non se fixo unha tarefa “como debería facerse” ou “como Dios manda (????)”. En moitas ocasións non se ten en conta o resultado dun traballo, só se foi algo que requiriu unha chea de esforzo. Canto máis se esforce alguén máis o valoran, aínda que o resultado sexa case nulo. Que tamén hai que recoñecer cando a xente se esforza, obviamente iso está clarísimo, pero así mesmo se alguén consegue o resultado pedido ou esperado por pouco que lle custara, tamén hai que recoñecelo, non?
A natureza (da que formamos parte, aínda que esteamos a fodela desde hai moito...) funciona igual, normalmente usa os deseños máis cómodos, básicos, e que requiren menos esforzo para lograr os obxectivos, poucas veces se enrevesa de máis. Unha máxima da Natureza é o aforro de enerxía e de recursos.
A Lei do Mínimo Esforzo é unha cousa, e outra moi distinta é usar deliberadamente pouca enerxía e aínda por enriba non intentar realmente o necesario para lograr o suposto obxectivo. O que é facer o paripé, vamos.
Unha movida é segura; as cousas non se fan soas, se non axudamos e poñemos algo da nosa parte tende por seguro que as cousas van continuar moi parecidas, ou incluso pode que vaian a peor, porque queremos unha solución ou un cambio pero este non sucede... Hai que axudar un pouquiño a que o que desexamos poida suceder. Sempre.
O noso cerebro vai intentar facer o mínimo traballo posible. É experto en lograr o necesario coa mínima inversión enerxética, aínda que ás veces tamén vímonos arriba e gastamos unha enerxía excesiva para a tarefa a realizar. Iso non ten porque garantir mellores resultados, pero ás veces malgastamos porque si.
Nalgún momento podemos complicarnos de máis á hora de buscar solución a temas que nos están molestando, preocupando ou amolando, pero claro, cando estamos inmersos nun problema custa velo como podería velo outro que non o está sufrindo e que pode aportar formas máis sinxelas e efectivas para cambiar as tornas. E hai xente indicada para iso...
Para conseguir cambiar algo, en definitiva, sempre hai que facer algo, por pouco que sexa. Ese pouco que se faga só necesita ser o axeitado para esa situación. O menos complicado pode funcionar perfectamente e ser máis efectivo en moitísimas circunstancias. E en ocasións necesitaremos cousas un pelín máis elaboradas, pero sen fliparnos demasiado.
Comentários