top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

A toro pasado...

Un obxecto vese distinto segundo a distancia, o ángulo, a luz, a contorna que o rodea, o sistema usado para captar a imaxe, e o máis definitivo de todo: quen analiza e interpreta a imaxe final do obxecto. Pasa exactamente o mesmo cunha situación calquera, xa sexa unha dificultade, un problema, unha conversa...


Tamén é moi diferente ver as cousas desde momentos temporais distintos, ás veces non teñen nada que ver.


Segundo sexa o momento no que pensamos ou analizamos unha situación pode cambiar totalmente a nosa visión da mesma.


Pásame con certa frecuencia no traballo que algún ou algunha clienta contan agoniados e aflixidos o “terrible erro” que cometeron en determinada circunstancia. Normalmente o consideran como o punto de inflexión dun problema importante (que normalmente os trae a terapia). Segundo o seu relato teñen clarísimo que foi unha cagada tremenda e que podía ter sido facilmente evitable. E aí radica gran parte do problema, na idea e a sensación de que en aquel momento podían ter tomado outra decisión máis acertada. Isto en ocasións leva ás persoas a sentirse moi mal consigo mesmas, a verse como se foran un pouco inútiles ou, directamente, algo gilipollas.


Do que moitas veces non nos damos conta é de que a situación vese diferente despois porque temos informacións ou experiencias que non tiñamos no momento que sucedeu o evento. Polo tanto ERA IMPOSIBLE no momento do suceso velo como o vemos despois. Polo que seguramente non fomos gilipollas por ter feito o que fixemos, fomos congruentes co que había nese momento.



Hai un refrán español (non coñezo un en galego que exprese a mesma idea, que o haberá quizais) que di: “a toro pasado, todos somos Manolete”, referíndose a isto do que falo; unha vez pasada a situación “é moi fácil” darnos conta como se podía ter evitado ou minimizado o dano producido, sen darnos conta de que en realidade non era posible facelo antes, no momento no que sucedía.


Isto pasa moito tamén entre moita xente que ve deportes; no momento en que alguén comete un erro danse conta e saben perfectamente como tería que ter feito, pero pregúntome se o saberían antes... Non digo que non poida ser, que hai ocasións nas que conforme imos vendo como se desenvolve unha situación estamos a darnos conta, en “tempo real”, de que ese non é o mellor xeito e que é posible que non remate ben.


Algo ata certo punto semellante e que está relacionado co feito de manexar nova información non dispoñible antes, pasa cando a xente, tempo máis tarde de que sucedera algo, “ve con claridade” tódolos sucesos e o que estes implican nas súas vidas, sendo “plenamente conscientes” de que é o que foi mal e como se podía ter feito ben, ou algo mellor polo menos.


Tampouco será a primeira vez que moitas ideas, moi elaboradas despois de infinitas análises, cambian cando máis adiante, nalgún momento, aparecen informacións que non se tiñan naquel momento. Por exemplo imaxinade que os pais de alguén ocultaron un problema importante dese fillo coa idea de non alarmar nin preocupar aos demais membros da familia; pero esta información aparece anos despois cando ese fillo leva elaborando as súas propias teorías durante moito tempo intentando explicarse por que a súa familia non lle respondía nesa situación chunga como el esperaba. O xiro da situación e a súa percepción, cando aparece esa nova información, é moi brusca e sorprendente, e pode ser difícil de asimilar e cadrar xa que levabamos moito tempo pensando outra cousa totalmente diferente.


Custa darse conta de que é moi diferente ver as cousas desde un momento temporal posterior, con informacións que non se tiñan ou estados de ánimo moi diferentes, ou coñecementos novos, ou apreciacións doutras persoas, etc. A gran maioría segue crendo un tempo que non podían estar tan equivocados, que non pode ser que do que levan convencidos tanto tempo sexa unha conclusión errónea.


Ao final parece que realmente non compensa nin vale de nada torturarnos por algo pasado e (seguramente) inevitable no seu momento. Pero somos así...

7 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


bottom of page