top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

Calquera pode ser profeta

Que si, que si, que é certo. Resulta algo bastante alcanzable: non necesitas estudos; non necesitas experiencia previa nin un status especial; non hai porqué ter conexións divinas (nin psicotrópicas nin nada polo estilo tampouco); non se precisa un “look” especial (como o típico aspecto de longas melenas e barbas); podes vestir como queiras (a túnica xa está pasada de moda, creo, vai ti a saber...); non necesitas báculo; etc. Vamos, que podes ir ao teu aire, sexa cal sexa. Profetas de andar por casa poderiamos dicir.


Segundo a definición da RAG (Real Academia Galega), profeta é: Persoa que por inspiración divina predí ou anuncia o que vai acontecer. Ben, só hai un matiz importante: a “divindade” non pinta nada neste caso. Pero si vale a segunda parte: persoa que predí ou anuncia o que vai acontecer.

Retrato de Nostradamus pintado polo seu fillo César de Nostradamus


É bastante probable que a persoa-profeta-de-andar-por-casa nunca descubra o seu “don” e pense, simplemente, que de forma estraña, ás veces atina co resultado dalgunhas cousas. Cando esa persoa fai a súa “predición”, normalmente non sabe que o que está a manifestar pode chegar a ser un feito.


Esas profecías poden ser sobre outras persoas (normalmente achegadas, como familia e/ou amizades), pero quizais o máis habitual é que sexan sobre elas mesmas e teñan que ver con cousas que poden ter bastante importancia, como un exame crucial, un acontecemento no traballo, un aspecto da relación desa persoa con outra, etc.


Fulanito ten un exame de oquesexa que é a chave para conseguir un traballo co que leva soñando varios anos. Para el é tan importante que xa leva acumulado un nivel alto de estrés, pois se suspende pasará bastante tempo para poder presentarse de novo. Sempre foi bo estudante pero empeza a ter pensamentos recorrentes de que no exame pode chegar a quedarse en branco. Desde hai uns días está tan obsesionado polo medo a fallar, que no mesmo exame non pode apartar a idea de que vai quedar en branco... e ao final, queda en branco, sucede. Non había motivo real ningún para que pasara, xa que sempre lle fora ben nos estudos e ía ben preparado, pero chegou a convencerse de que podía pasar realmente e inconscientemente actuou en consecuencia á “profecía”.


En outras ocasións sucede que alguén sempre lle di a outra persoa (habitualmente teñen unha relación de confianza) que, por exemplo, é moi zoupas á hora de manexar cousas fráxiles, idea sacada de que nunha ocasión hai moito tempo rompeu por accidente un obxecto valioso. En consecuencia, se poden evitalo, non lle deixan manexar obxectos fráxiles (co cal non colle a necesaria experiencia manipulativa para obxectos fráxiles), e foron tantas veces as que llo dixeron, que esa persoa xa está totalmente convencida de que os outros deben ter razón, entón case sempre que manipula algo acaba roto ou no chan e isto só reforza esa idea tanto para ela como para os demais.


Isto é o a famosa Profecía Autocumprida.


Hai unha serie de condicións para que algo así poida suceder: chegar ao convencemento de que determinadas cousas poden pasar; o feito de que ten que depender en gran medida da nosa actuación; non ser totalmente conscientes de que o que nós fagamos é determinante para que suceda unha cousa ou outra (e que non depende de outros ou do azar); e non ser capaces de pensar/convencernos de que o contrario tamén pode pasar.


Por desgraza estas profecías, premonicións, presaxios, presentimentos ou como lles queira chamar cada un, moitas veces teñen que ver co aspecto negativo dun asunto máis que co positivo, e iso non é bo... non é nada bo... Pero coma case sempre na vida tamén existe a outra variante, poderíanse chamar as profecías “de bo rollo” (como dixen ao final do parágrafo anterior: “o contrario tamén pode pasar”).


Como xa digo esta última opción tamén é posible. A diferenza entre ambas pode estar en que a profecía de bo rollo baséase máis en datos obxectivos (estiven a estudar moi ben e isto dáseme ben; ás veces teño tido accidentes coas cousas fráxiles pero sei que se teño coidado e me concentro no que estou a facer non teño porqué romper nada). As outras profecías son máis ben escuras elucubracións pesimistas, moitas veces mantidas ao longo do tempo, e en gran parte sen demasiada base obxectiva.


Quere isto dicir que o que nós creamos que pode pasar vai pasar realmente? Pois si e non. Ás veces pasa e outras non. Aparte das condicións escritas máis arriba para que suceda, existen máis variables que non podemos controlar, pero basicamente cando cremos firmemente en algo, e o feito de que iso poida suceder estea en gran parte nas nosas mans, temos máis probabilidades de que pase. Pensamos de determinada forma e actuamos, consciente ou inconscientemente, en consecuencia.


Por sorte, non estamos totalmente perdidos, podemos animar á xente próxima a mellorar dándolles confianza coas nosas “profecías”, funciona ben con nenos e nenas pequenas e tamén con adultos, pero ten que ser crible cando o dicimos, polo tanto é necesario que nós poidamos chegar a crelo. Tamén é importante ser consistentes, non podemos dicir unhas veces unha cousa e outras outra.


Por outra banda, a nivel persoal, ter certa confianza nun mesmo axuda a non “autosabotearnos” á hora de facer cousas.


Se a xente non crera en que as cousas poden chegar a pasar, moitas veces non pasarían.

1 visualización0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comentarios


bottom of page