top of page
Buscar
  • Foto del escritorCarlos Vila García

Claro que podo deixalo... (pero, non sentirme mal?)

Téñome visto con casos de adiccións a distintas substancias, pero esta entrada do blog non ten que ver con tema de consumo de drogas ou substancias alteradoras da conciencia. Aínda que parece iso mesmo, pois case todos e todas relacionamos o principio desa frase co típico que di un “adicto/a” sobre a súa suposta dependencia a algunha substancia.

Pero neste caso en cuestión o tema que me ocupa é algo que aparece de cando en vez nalgunhas sesións de psicoterapia, e o feito de escribir hoxe sobre isto é porque a semana pasada xurdiu en dúas sesións diferentes... e no mesmo día! iso era un sinal clarisisísimo (así o interpretou a parte visionaria do meu cerebro -teño diferentes modelos para distintas ocasións, coma todas-) de que debía tocar o tema.


A cuestión é, como di o encabezamento, que moita xente pensa que si pode deixar de facer algo, abandonar un proxecto, parar de traballar de o-que-sexa, renunciar a determinada actividade... pero esa xente está mega segura de que se o fan vanse e téñense que sentir moooi mal por iso. E non só moi mal, fatal, ata o punto incluso de caer nun estado que moitos chaman “depresión”, vamos, o que sería atoparse feito unha frasca.

Resulta obvio que é moi probable que se dea a circunstancia de que despois de moito tempo dedicando os nosos esforzos a determinado proxecto, se polo motivo que sexa o deixamos, seguramente teremos a sensación de que estivemos a perder un tempo valiosísimo que nunca poderemos recuperar. É ben certo: o tempo que xa pasou non se recupera, pasou, xa está. Iso é un pau para calquera, e un pau nunca mola.


Pero ese tempo é imposible que fora inútil, sempre vale para algo o que fixemos con el, igual non para o que tiñamos pensado, pero si para outras cousas.


As persoas que me inspiraron esta entrada do blog percibían, en concreto, que o cese dunha actividade que lles ocupara bastante tempo (unha maldita “opo” non aprobada, e un proxecto no traballo que non resultou como se supuña que debería resultar) era un tremendo e absoluto FRACASO. Está claro que despois de un par de anos exclusivamente estudando para iso ou traballando en algo moi concreto cun obxectivo, é unha putada ben gorda non acadar o que contaban case seguro. Aínda que realmente non había, nin por asomo, esa “garantía” de éxito... Iso foi parte dunha maldita expectativa (algo un pouco inevitable, quizais) que foi considerada como totalmente segura.


Os dous casos son parecidos pero diferentes. A estudante pasou moito tempo dedicada en exclusiva ao estudo, renunciando á vida social, a unha axeitada vida de parella, a unha merecida desconexión cada poucos días, e en ocasións incluso a un descanso correcto. A traballadora que non tivo éxito no proxecto do curre botou tempo investigando e probando cousas coa esperanza de conseguir ver realizada a súa hipótese e incluso traballou cando non tocaba, desatendendo outras cousas tamén importantes na súa vida.


Como carallo non se ían sentir mal! Claro que si! En principio non podería ser doutro xeito.

Pero cando algo así sucede, esa típica historia de continuar cegamente facendo o mesmo, caia quen caia e ao prezo que sexa, para así “compensar” o tempo empregado, conseguir a toda costa o obxectivo inicial e resarcirse do que se percibe como un maldito fracaso (as dúas coincidían nesa idea), pode non ser o que toque. Cada cousa ten o seu momento e non está mal darse conta cando non é ese momento, e poder deixar algo cando nos está prexudicando máis do que nos pode beneficiar. E claro está que ben non nos imos sentir cando algo que nos levou tempo e esforzo non sae como esperabamos.


Deixar algo que non ten pinta de que vaia saír ben, ou que mesmo xa vemos que non saíu ben, non é un fracaso, máis ben pode ser ao revés. E como xa dixen, as cousas teñen o seu momento. Retomar algo (case) sempre é posible, dependerá da cuestión concreta da que se trate, claro. Moitas veces pode ser que non fora ese o momento e que o atopemos máis adiante.


Ademais, as persoas movémonos a intervalos de actividade, e moitas cousas que facemos (como afeccións ou hobbys por exemplo) as deixamos e retomamos segundo cadra por diferentes circunstancias. Iso non é malo, ou alguén pensa que si?


O que podemos vivir como un fracaso ven ser máis ben unha emoción chunga asociada a un choque entre o que pasa e o que imaxinamos que ía pasar debido ás expectativas que previamente nos montáramos.


Cando se usa a palabra “fracaso” normalmente se monta un drama que flipas, pero se dicimos “non acadar o resultado previsto ou desexado”, a que non parece tanta cousa? Pois esa é a definición da RAG de fracasar.


Existe esa famosa frase de “rematar o que empezaches”, que pode estar ben, claro que si, pero pretender que sexa para todo xa me parece unha flipada e unha xeneralización absurda. É igual que facer o contrario, non rematar NADA do que empezas...

Saber deixar algo tamén é moi importante, tanto como empezalo.

9 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
bottom of page