top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

Que vou facer?

Sucede con certa frecuencia que hai persoas que experimentan algún tipo de angustia, estrés, ansiedade, mal rollo, confusión, inquietude, chámalle-como-queiras... cando están convencidas de que, si ou si, e xa pero xa, teñen que conseguir determinado logro, que pode ser, por poñer un exemplo, atopar a súa suposta vocación. Esta palabra leva implícito, en parte, que iso vai ser o que en principio fagas durante case toda a túa vida. Unha vocación enténdeo polo xeral a maioría da xente como algo “definitivo” e algo que che encanta facer e que non cambia así como así (aínda que haxa curas que deixan de crer ou pintoras que non queren pintar máis, por dicir algo).


Xa teño visto, co tema laboral ou de estudos, moitas persoas que senten angustia se non conseguen acadar o que consideran a súa vocación o antes posible (esas présas...!!), ou peor aínda: se non conseguen atopar unha vocación, xa que aínda non teñen moi claro o que queren ou o que lles gustaría facer; tamén sucede que o que cren que queren non lles convence totalmente.


Ás veces o plan que se fan non o consideran como a “vocación”, pero si como algo ao que van adicar gran parte das súas vidas polo motivo que sexa... algo para sempre. Como, por dicir algo, unha especialización á que se adicaron tódalas enerxías e na que un xa queda “atrapado” (ou iso cren). E claro, se algo non vai ben nun proxecto, un non se queda tan tranquilo, verdade?


Teño visto persoas coa sensación de que a súa vida é unha merda porque non teñen ese algo definitivo que os realice, algo que lles guste e gocen, que sexan felices e creativos facéndoo, algo que os complete.


En moitas ocasións estas ideas e as sensacións que van asociadas son causadas por unha idea estandarizada de como é o ideal de vida: tes que escoller algo que mole moito, e dea cartos, e mellorar sempre ao longo do tempo...



Está moi ben ter plans vitais, obviamente todas queremos ter un obxectivo máis ou menos definido para ir indo cara el, e non ter a sensación de que imos á deriva, petiscando en todas as partes sen ter algo estable. Vale que nos pode deixar máis tranquilos, pero hai que ter en conta de partida a posibilidade de que unha determinada escolla non garante que sexa algo definitivo e non se poida cambiar. De isto último sempre se está a tempo.


Porque logo se o “proxecto vital” non resulta algo estable e definitivo, porque cambian as circunstancias, porque non proporciona o esperado, porque nalgún momento deixa de ser atractivo, por calquera motivo... non é raro angustiarse porque cren que foi unha total perda de tempo, e un fracaso persoal.


Cando algún proxecto que empezamos acaba resultando “sen chicha” sempre se pode facer algo novo e diferente, ou non tan diferente en definitiva, pero si facer algo que nos siga dando certa satisfacción; non remata a vida no primeiro proxecto elixido... nin no último.


Claro que non é fácil, agradábel ou cómodo, atoparse con que non podes seguir facendo o que viñas facendo durante anos polo motivo que sexa, xa que a todo nos acostumamos e cambiar non é doado. De darse esas circunstancias o máis habitual será sentir malestar en distintos graos.


Por que ten que ser algo definitivo o feito de escoller unha actividade laboral ou uns estudos?


En certa ocasión alguén contou a traxectoria laboral dunha persoa (non lembro onde nin a quen llo escoitei) que me resultou curiosa e interesante. Non lembro detalles moi concretos pero a cuestión é que esa persoa empezou estudando medicina e despois de todo ese tempo de estudo traballou varios anos no que consideraba, en principio, a súa vocación. Mais uns anos despois descubriu unha rama relacionada coa sanidade que lle pareceu interesantísima e que é obxecto dun gran debate por parte de moitos profesionais: a homeopatía, da que acabou sendo un gran defensor e que acabou practicando durante un tempo. E despois, pasados uns cantos anos máis foi consciente de que algo que sempre lle gustara desde pequeno era o que quería facer: estudou e acabou traballando de electricista.


Un excepcional psicoterapeuta que coñezo, e do que aprendín bastante, foi boxeador e loitador de artes marciais antes de estudar psicoloxía... para flipar un pouco en principio.


Moitas voltas pode dar a vida.


Igual é boa idea non pecharnos en banda a cousas novas, por diferentes que poidan parecer, se aparecen na nosa mente ou na nosa vida polo motivo que sexa.

5 visualizaciones0 comentarios

Entradas recientes

Ver todo

Comments


bottom of page