top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

Deberes e praceres

Cando era rapaz quería baixar xogar á rúa, subir xogar co meu curmán ou baixar ao patio da casa, tamén co meu curmán, a perfeccionar o noso fútbol ou baloncesto (ou a facer experimentos pirotécnicos en solitario, por ese rollo destrutivo dos rapaces... encantábame).


Peeeero, en multitude de ocasións a miña avoa velaba por que cumpríramos antes coas infames tarefas do cole (que non nos molaban a nin dios... polo menos a unha inmensa maioría, non???). Entón había que aguantarse e rematalas antes de facer outra movida. A ver, ata certo punto é unha boa forma de administrarse o tempo, xa que se antes iamos xogar (ou a rebentar calquera cousa cos petardos de 5 pesetas, que eran como cartuchos de TNT), quen garantía poder facer os deberes da educación regrada ese día? Ademais, que adulto prefería pasar polo mal trago de andar detrás dos rapaces a última hora para que cumprisen as súas obrigas? Era máis fácil, obviamente, aturarnos mosqueados ao principio, e cansos, relaxados e contentos ao final da tarde.


Os nosos desexos, e o que consideramos que son as nosas obrigas, son asuntos que ás veces mesturamos e que ás veces nos poden crear certos conflitos internos bastante serios ou molestos.


Teño visto bastante xente que “confunde” actividades. Cambian os status das cousas, atribuíndo aos praceres o nivel dos deberes. Ao revés, aínda que poida parecer máis raro, é algo que tamén pode pasar.


Como acabo de dicir, un deber pode ás veces ser tamén un pracer; á xente á que lle encanta o seu traballo e goza facéndoo atopa pracer nun deber. Iso é caralludo, unha marabilla. Iso si, hai que saber administralo e ter vida aparte, non é boa idea facer sempre o mesmo por moito que mole. Unha non se pasa o día enteiro e sete días á semana cociñando, ou lendo, ou comendo, ou paseando, ou tomando algo con amigos, ou escoitando música, ou masturbándose, ou andando en bici, ou tendo relacións sexuais, ou bailando...


Polo tanto tampouco vai estar facendo balances económicos, ou curando xente, ou vendendo un produto, etc. etc. todo o tempo e todos os días.


E como xa dixen antes tamén está o outro lado da ecuación: as persoas que desexan facer determinadas cousas porque lles proporcionan un pracer ou un benestar concreto nun momento dado, pero que baixo determinadas circunstancias acaban pensando que teñen que facelo con máis frecuencia.


Este é o caso, por exemplo, dun rapaz que veu hai un tempo por terapia cun malestar importante e unha sensación de ansiedade bastante grande porque cando non estaba traballando pasaba o tempo sen facer case nada. Porque non sabía ben que facer, non era capaz de decidir, e non atopaba pracer en nada do que antes facía. Ese tempo fóra das obrigas do traballo (onde estaba ao que tiña que estar e con tarefas programadas) para el era unha tortura.


Antes de que lle pasara isto tiña bastantes afeccións e cousas interesantes e pracenteiras que facer no tempo de ocio, que por desgraza agora non “funcionaban”. E decidiu tomar unha solución que resultaba ser case peor que non facer nada: realizar actividades de ocio que antes eran pracenteiras e lle prestaban para ver se así... O resultado estaba sendo que cada vez estaba odiando máis tocar a guitarra, por exemplo, que antes era un momento que lle encantaba. Pero como antes lle funcionaba seguía empeñado en que tiña que dar resultado... É unha lóxica común pero errada. Estaba convertendo un pracer nunha obriga e iso é unha cagada moi grande.


O que se fai por pracer ten que proporcionar pracer, non creo que ninguén opine o contrario.


Lémbrome dunha serie de escenas dunha serie (“Fargo” creo, MARABILLOSA por certo) na que un matrimonio querían quedar embarazados, e para a muller tiña que ser XA. A súa vida sexual era boa, cunha frecuencia aceptable para ambos e moi satisfactoria, pero ante o “reto” do embarazo ela o reclamaba a el a calquera hora do día segundo a súa temperatura corporal fora a máis axeitada (método da temperatura basal, que postula que con certa temperatura é máis seguro quedar embarazada durante o ciclo menstrual). Chamábao mentres traballaba (el era policía), se era necesario, ou a calquera hora do día o reclamaba para ter relacións e “asegurar” o embarazo. Que pasou? Ao final o pobre vía as relacións sexuais como algo horrible e absolutamente desprovistas do pracer que antes tiñan.


Mesturar os “deberías” (obriga) cos “gustaríame” (pracer) non é boa idea. Nunca deberiamos forzar algo que ten que xurdir ou aparecer por que apetece. Iso é romper a natureza das cousas, e os efectos poden ser ben chungos.


Non digo que non estea ben facer probas, eu recoméndoo moitas veces, pero se vemos que a cousa non flúe como debería é mellor deixalo. As cousas teñen o seu momento, se nalgún intre non funciona como é de esperar, é posible que non sexa o momento, que aparecerá, pero se o forzamos demasiado privámonos dos seus beneficios.

3 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


bottom of page