Buscar
  • Carlos Vila García

Entender, comprender, compartir... haiche diferenzas

Cando alguén nos explica algo podemos entender ou non o que está a explicar, son avatares da comunicación. Concretamente, ao que me refiro por entender significaría que a outra persoa está usando un idioma que coñezo, que se trata dun tema que domino polo menos de forma básica ata certo punto, e que a súa pronunciación resulta aceptable para decatarse do que conta. Digo isto último porque pode darse o caso, ás veces, de que a xente por diversos motivos farfalla e non se entende claramente o que pronuncia. Para isto pode haber varios motivos, entre outros: présas para dicir o que quere, despreocupación por vocalizar aceptablemente, inxestión importante de alcohol, certas medicacións, boca chea (xa desde pequenos ensináronnos que iso non se fai), vergoña (e polo tanto volume baixo, non vaia ser que se note que estamos aí), inseguridade sobre o tema do que fala... estes son algúns.


Ben, ese sería o primeiro punto básico a ter en conta para poder saber o que nos conta a xente. Se estas condicións non se cumpren, alá vai a comunicación bilateral ao garete.

Unha vez que non hai problemas de dicción por parte da persoa que fala, e a que escoita coñece o idioma e non ten problemas de audición (esa é outra condición) como: xordeira, oídos taponados ou ruído ambiente excesivo; temos que engadir un elemento máis: que a atención estea posta no interlocutor; cumprindo isto, entón si, poderíase dicir que estamos en disposición de saber que é o que nos están a contar.


O dito ata agora case garante o comezo dunha comunicación, pero se algo falla, como por exemplo: se non falamos o mesmo idioma, se non oímos, se o outro fala como o cu, ou a atención está “dispersa”, despídete. Pero as cousas na comunicación entre persoas non rematan aí, nin moito menos, é algo máis complicado.


Como digo, aínda que se cumpran as condicións estipuladas arriba, faltan cousas importantes para que o intercambio na comunicación sexa efectiva, xa que podemos cumprir todo o anterior pero non comprender o que nos queren transmitir. Vamos, que entendemos o idioma, sabemos sobre que falan, pero non comprendemos: non seguimos ben as relacións entre as ideas que nos contan, vemos que para nós iso non é así, non o vemos do mesmo xeito e polo tanto non nos parece lóxico. É como o que debía de pasar (e seguirá pasando, imaxino) por exemplo entre un protestante e un católico que falan de relixión. A un non lle cabe na cabeza como o outro pode pensar esas cousas, e viceversa, e os dous poden ter a sensación de que o outro fala en chinés, e aínda por riba crearase un conflito.


O que máis nos pode axudar a comprender o que outra persoa transmite é ter unha mente aberta, evitar tódolos prexuízos posibles, facernos unha idea de como pode ser a vida de esa persoa, as súas circunstancias persoais, a súa educación, etc, etc... E con todo iso na nosa cabeza resultará algo máis sinxelo comprender á outra persoa, máis do que poderiamos crer nun principio. Así, desta forma aumentan as probabilidades de comprender do que fala o outro.


Entón, case calquera que poida facer isto podería comprender mellor ao resto das persoas coas que se comunique.


E agora ven algo importante: comprender non significa, nin é o mesmo (pero para nada) que compartir o que nos contan, nin o que hai detrás do que nos contan: opinións, ideoloxía, tipo de educación...


Podemos comprender que alguén en determinadas circunstancias opine de certo modo, pero non compartir en absoluto o que están a dicir ou facer. Podemos comprender pero estar totalmente en contra, son palabras e conceptos diferentes que se poden confundir (xa me pasou).


Cando alguén di que comprende que un talibán, ou un maltratador, ou un fascista actúan como actúan ou din o que din, non significa en absoluto que opinen o mesmo ou o defendan; senón que son capaces de ver que debido á súa pobre e desgrazada educación, ás capacidades intelectuais, ao seu círculo social, etc. actúen como actúan e que probablemente non poderían pensar moi diferente (nesas circunstancias).


Home, igual hai que aclarar as ideas comprender versus compartir cando as usamos, porque como digo hai quen pode non ver a diferenza entre conceptos. Son matices importantes a ter en conta.


Non sei se aclarei ben o que quería explicar, pode ser controvertida a explicación da diferenza entre estes conceptos, e tamén pode ser polémico isto que digo... sobre todo se non se me comprende ben, pero podedes non compartilo, por suposto.

0 vistas0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

A Lei do M.E.

O outro día (hai pouco) preguntábame se haberá moita xente que cando ten que facer unha determinada tarefa opta e busca a forma de facela o máis enrevesada e complicada posible... quero dicir a propós

Amodo!