top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

Etiquetas

As persoas necesitamos comprender o mundo no que vivimos para adaptarnos a el, de aí que poñamos nome a todas as cousas que queremos comunicar, e que elaboremos teorías para explicar e entender as cousas que suceden ao noso arredor.

Somos creadores de realidade polo simple feito de poñerlle nome ás cousas e compartilo con outras persoas. Se a maioría das persoas comparten esa idea nova, ou, persoas con prestixio avalan eses nomes, as cousas xa teñen outra entidade, damos por suposto que son así e non se cuestionan.

Cando no campo da psiquiatría ou da psicoloxía poñen nome a algo, ese algo de pronto “existe”, non se considera que é unha creación feita por persoas para intentar explicar determinadas cousas. Moitas veces nin sequera os propios psicólogos ou psiquiatras o ven como unha creación propia, simplemente “a realidade é esa”, e basta.


É obvio que entre profesionais necesitamos entendernos, saber que estamos a falar do mesmo, poñer algún tipo de base para poder avanzar na investigación de determinados fenómenos que nos resultan interesantes ou que queremos entender e resolver, de aí o feito de poñer nome a determinados conxuntos de condutas. Pero debería servir simplemente para iso, para saber entre profesionais do que estamos a falar.

Esta tendencia a usar palabros psiquiátricos, abandeirada principalmente polo DSM (manual diagnóstico da Sociedade Americana de Psiquiatría, e biblia da psicopatoloxía), parece crecer co tempo: en 1968, o DSM-II distinguía 180 trastornos mentais; para 1987 (DSM-III-R) creceran ata os 292; a edición de 1994 xa chegara a 350. E a tendencia continúaaaaa...

En ocasións, situacións do máis común resultan etiquetadas e patoloxizadas: ter estado desfrutando dunhas boas vacacións e logo ter que pasar por eses días de adaptación á rutina habitual no traballo ou na casa convértese nunha “depresión postvacacional” que pode diagnosticar calquera médico ou psiquiatra coa conseguinte medicación, que posiblemente receiten, e as súas consecuencias.

Outro exemplo: segundo a última edición (DSM-V), os nenos cun mínimo de tres episodios semanais de irritabilidade, arrebatos e berrinches durante máis dun ano (home, son bastantes berrinches) serán diagnosticados co “trastorno de desregulación disruptiva do estado de ánimo” (toma nome), e iso, segundo a miña opinión, marca máis ao neno e tamén á nai e ao pai, que “ter berrinches frecuentes”. E ademais... axuda en algo ao neno ou aos proxenitores?

Son formas diferentes de velo: unha cousa é patoloxizar a vida cotiá, diagnosticando cousas chungas por todas partes, e outra entender que alguén atópase mal polo motivo que sexa e que simplemente quere atoparse mellor. É totalmente lícito buscar axuda profesional cando un se ve atrapado por problemas ou dificultades que non consigue resolver ou mellorar a pesar de ter intentado varias solucións, e iso non quere dicir en absoluto que teña “problemas mentais”, que estea “tolo/a” ou necesite levar unha etiqueta polo mundo adiante. Axuda en algo cargar con unha etiqueta aos afectados polo “diagnóstico”? En xeral, non o creo. Se o pensamos dá igual o nome que teñan algunhas cousas, será máis importante que iso que nos preocupa cambie, e non o nome que lle poñamos. Non hai necesidade de poñerlle nome a todo (ou polo menos de encasquetarllo aos clientes).

En realidade moitas veces os diagnósticos veñen ser caixóns de xastre onde ir metendo unha gran variedade de cousas que non se sabe moi ben que facer con elas ou onde “clasificalas”: un claro exemplo son os típicos “trastorno blablabla non especificado” (hai que cambiar blablabla por outra cousa: da alimentación, obsesivo-compulsivo,...), pero dándolles tempo poderemos ver como irán afinando a definición, podemos case aseguralo vendo a tendencia existente.

En definitiva: podemos os psicólogos facer o noso traballo sen etiquetar/patoloxizar as condutas dos nosos clientes? PERFECTAMENTE, segundo a miña opinión.

1 visualización0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


bottom of page