top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

Incomparable

-Non é por comparar... pero viches como fai Fulaniño cando ten que falar cos seus fillos sobre os estudos? e o ben que lles vai?- Este é un exemplo.


-Uuiii, se non pretendo compararvos en absoluto, quita de aí! Pero cando a túa irmá ten que poñerse a traballar non fai coma ti, que lle das voltas e voltas e acabas facendo as cousas mal e tarde...- Este é outro exemplo.


A moita xente, e en moitas ocasións, cústanos un mundo non equiparar a unhas persoas con outras ou unhas situacións coas outras.


Tal como comezan este tipo de frases xa dá que pensar (“non quero comparar...”), mais cando chegamos ao “pero”, iso si que xa avisa de que algo máis chungo pode pasar; unha das partes, vai saír mal parada.


Ao final tamén é, ata certo punto, habitual que unha mesma persoa faga valoracións persoais con respecto a Menganiño ou Zutaniña, e nestes casos con frecuencia, e por desgraza, non é para saír mellor parado ou parada (outras veces si, eh! que tamén é frecuente esa variedade).


Podería parecer que vivísemos nun mundo de comparacións. En moitos casos é coma se un dos mellores recursos para poder convencer a alguén de conseguir algunha mellora importante, ou mellorar unha faceta determinada, fose poñer a outra persoa como exemplo de como hai que facer as cousas ben. A idea pode ser “picar” ao que sae mal parado nos comentarios para que actúe de forma diferente, e que ademais o faga de guai e sen grandes problemas, pero con frecuencia esa non é a reacción máis habitual.



Esta forma de proceder, de poñer nunha balanza dúas actitudes, situacións, formas de facer as cousas, etc. pode facerse cunha “boa intención”, aínda que habería que ter en conta tamén como pode velo a outra persoa. E tamén poden facerse directamente para foder, así de claro.


Tamén se dá o caso de poñer de exemplo a outras persoas ou situacións para remarcar que a nosa, a do noso interlocutor, ou a de algún achegado a ambos é a boa. Nese caso segue a haber alguén fodido nos resultados, iso si, normalmente non é con quen se está a falar pero alguén sae mal parado de igual forma...


Tamén é habitual usar a seguinte frase con bastante frecuencia: “as comparacións son odiosas”; e aínda así esta frase normalmente vai ser o comentario previo a unha comparación (recoñecendo entón estar facendo algo odioso... en fin, cousas que pasan).


Para a maioría da xente resulta case imposible non facer isto, pero hai modalidades diferentes:

  • Pódese facer unha comparación entre dúas (ou máis) persoas/situacións e crela total e absolutamente, coma se fose unha verdade universal e coma se fose literalmente tal e como se di.

  • E pódese comparar para facer unha especie de exemplo ilustrativo que poda valer simplemente para poñernos en situación, sen a intención de menosprezar a ningunha das dúas partes.

Esta última modalidade paréceme moito máis axeitada, sobre todo se explicamos ese matiz importante de que é un simple exemplo aproximado, ou sexa, que o estamos usando só para crear un contraste e remarcar algún aspecto, e non para amolar a outra persoa.


Eu recorro a esta ferramenta no meu traballo para “ilustrar” algunha situación e que poda entenderse dun xeito máis gráfico ou eficaz. Sempre con coidado de non incorrer en xulgar a outras persoas. Aínda que quizais sexa máis correcto chamarlle analoxía ou metáfora (que por certo, ben escollida, pode ser moi eficaz).


Por outra banda, cando se fai unha comparación moitas veces pode ser moi collida polos pelos, non moi axeitada ou simplemente fóra de lugar por varios motivos: porque non se ten en conta que os participantes poden ser extremadamente diferentes (polo tanto o exemplo non valería para nada); ou non se ten en conta que as situacións son radicalmente distintas (entón tampouco ilustraría axeitadamente o asunto); ou non se pensou moi ben as áreas a comparar (igual comparan o touciño coa velocidade) co cal o dito non vale para moito, ou máis ben para nada.


Con todo isto quero dicir que en moitas ocasións podemos empregar “comparacións incomparables”, pois debería ser importante que as características de ambas situacións, de ambas persoas, ou do que sexa que esteamos a falar, teñan realmente aspectos comúns válidos para que sexa un exemplo aceptable. Non poderemos comparar a alguén desfavorecido economicamente con alguén a quen lle saen os cartos polas orellas, nin a unha persoa con problemas graves coa súa parella con outra que só ten pequenas diferenzas de opinión de cando en vez coa súa, etc.


Non pretendo dicir, claro, que non se poidan comparar cousas e/ou persoas, é algo un pouco difícil de evitar moitas veces, pero hai que intentar usalas con xeito e tamén hai que interpretalas co mesmo xeito.


2 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comentários


bottom of page