top of page
Buscar
Foto del escritorCarlos Vila García

“Lo cobarde no quita lo valiente”

Este verán estabamos a miña parella e máis eu tomando algo e dando unha volta cun amigo noso por unha vila da Mariña lucense, falando de calquera cousa que nos xurdía e botando unhas risas polo medio. Non sei moi ben en que momento, e falando de que en concreto, que algún de nós dixo a frase que encabeza o post; como digo non lembro exactamente a situación pero podería ser intentando entender que querían dicir determinadas frases feitas. En realidade queriamos facer referencia á típica frase/refrán de: “lo cortés no quita lo valiente”, que todas coñeceredes, coa idea de intentar entender -sen buscar en Google- que narices podería querer dicir exactamente e cal sería a orixe (ás veces hai frases desas ás que non lles ves moito sentido ou significado, polo menos de primeiras ou sen saber a orixe).


O feito é que a equivocación respecto á frase que pretendiamos dicir arrincounos unhas boas risas, tanto pola confusión, como pola aparente situación paradoxal xurdida. E eu, que ás veces estou bastante atento a estas cousas, decidín que podía darme pé para escribir algo no blog ou en Instagram.


A pesar do paradoxal que pode resultar a frase, no momento identifiqueina como a típica suposta contradición que se dá con certa frecuencia na vida cotiá.


Hai xente que pode pensar que hai cousas que son excluíntes, e que cando se dá unha non se pode dar a outra. Que se alguén é valente non pode ser covarde. E tamén haberá quen rebata que si, que claro que pode ser, que igual pódese ser valente ante algo determinado e covarde ante outra cousa diferente, que non é un trazo permanente e xeneralizado ser unha cousa ou outra. Non se é valente en todo, nin en todo momento.


Estou totalmente de acordo niso, ante unha situación concreta podemos cagarnos e ante outra ser os máis lanzados e botados para diante; teño escoitado de xente que cando tiña que ir ao dentista íase pola pata abaixo pero logo non tiña problema en meterse nunha bulla (na que lle podían partir os dentes sen a seguridade que proporciona un odontólogo colexiado).


Pero, e se falo de ser dúas cousas incompatibles, contrarias ou paradoxais ao mesmo tempo? Pois efectivamente é unha posibilidade que tamén está aí.


Cantas historias hai de persoas que se dedican a distintas actividades (soldados profesionais, boxeadores, pilotos de avión acrobáticos, etc...), que experimentan ao mesmo tempo un medo acojonante polo que lles poida pasar pero que teñen un ansia por ir a por todo que non lles cabe no corpo.


Realmente non é algo que suceda no mesmo instante exacto, se non sucesiva e alternativamente: “Que cague! Que ganas de facelo! Pero que cague! Pero que ganas de facelo xa!”


E tamén pode pasar a calquera persoa calquera día. Por exemplo, un pode traballar con persoas que están moi fastidiadas e jodidas (traballadoras sociais, persoal de casas de acollida, coidadores de persoas dependentes, sanitarios de enfermos terminais...) e pensar que non aguanta máis toda esa merda, pero por outra banda non pensa deixalo porque ve a axuda que presta e pode prestar e iso para esa persoa é unha recompensa enorme; aínda que noutros momentos o pase ben mal.


Tamén hai persoas ordenadas e caóticas, temerarias e prudentes, discretas e cantosas... Ás veces convivimos dous moi distintos no mesmo espazo corporal e non é para nada algo psicopatolóxico de dobre personalidade nin cousas semellantes, simplemente existen dúas tendencias que poden parecer contraditorias pero que máis ben serían complementarias.


Existe un caso habitual e bastante típico desta dualidade que é o de persoas que deciden facer unha dieta. Deciden poñerse a dieta -cada un polos motivos que sexa- e teñen momentos nos que se saltan a dieta e se torturan por telo feito, pasándoo fatal por non manter unha constancia total, pensando que así nunca van conseguir o obxectivo; e por outra banda experimentan un pracer extásico cando comen algo que lles presta ben e está fóra da dieta. A idea de darse permiso de cando en vez -da que xa falei nun post anterior- pode ser bastante útil á hora de lidar con estes temas porque a tensión experimentada por manter a dieta pode prexudicar bastante máis que saltala un pouco algún día (sempre que non falemos dunha dieta médica totalmente xustificada e sen a cal corramos un risco).


As persoas ás veces facemos unha guerra con nós mesmos cando poderiamos chegar a determinados acordos e a buscar momentos para todo converténdonos así en apurados relaxados ou controladores despreocupados, por exemplo.


Tamén sei de xente angustiada pola vida en xeral e os seus “pequenos” detalles e cunha fortaleza enorme (máis do que elas cren) para afrontar cousas realmente jodidas.


Estou convencido totalmente de que “lo cobarde no quita lo valiente”.

5 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

Comments


bottom of page