top of page
Buscar
  • Foto del escritorCarlos Vila García

Maldita excepción

Isto do que vou falar realmente é unha maldición para moitas das persoas que, nalgún momento, intentan mellorar a súa situación ou as súas capacidades ou calquera faceta das súas vidas... proban a facer as cousas ben, incluso de maneira diferente para comprobar se dese xeito cambian os resultados do que viña sendo unha repetición de fracasos, e se o conseguen van e fastídianlles todo o esforzo cunha simple frase que todo dios usamos algunha vez: “É a excepción que confirma a regra”.


“É a excepción que confirma a regra”!!!???. Realmente é un dito que para min nunca tivo moita lóxica e raioume bastante. Nunca vin moi claro que existan unha serie de normas polas que se rexe algo (fenómenos naturais, maneiras de facer as cousas, etc.), vamos, o que é unha regra; pero que cando aparece algo que nega ou anula esa regra... puf! por arte de maxia consegue o contrario, e fai que sexa máis certo aínda... Iso non ten nin pes nin cabeza.


É como se dicimos: “hoxe vou rascarme a barriga que teño moito traballo, canto máis a rasque menos choio terei”... Ben, iso non vale porque pode ter certa lóxica, é probable que acaben despedíndote. Pero xa me entendedes, non?


Investigando sobre o tema atopei que a frase orixinal ven do latín medieval e que si ten lóxica, xa que o que pretende dicir é que se existe unha regra e aparece unha excepción a esa regra, a regra en si non se “confirma”, como se di aquí de toda a vida, senón que o que pasa é que a regra ten que ser ampliada ou modificada para poder seguir usándose como tal. Ou sexa, algo totalmente diferente. Algo bastante máis lóxico.


Ben, toda esta historia que me acabo de montar ven a conta de que a fraseciña, como xa dicía máis arriba, ten un poderoso efecto destrutor de posibles beneficios para algunhas persoas cando estas empezan a mellorar certos aspectos da súa conduta. Cando alguén fai algo ben pero non é habitual nesa persoa, parece que hai xente que está máis que disposta a arruinarlle o éxito recorrendo a frases chorras do estilo da comentada. Tamén existe a posibilidade de que non sexan conscientes do chasco que lle van causar aos demais... Que si, que iso tamén pode ser.

ISTOCK

Se alguén logra chegar puntual e normalmente non o é; se fixo unha tarefa a tempo cando case nunca o consegue; se tivo un detalle agradable e iso non é cousa habitual nel ou nela... o que debemos facer non é sabotalo para que siga sendo impuntual, procastinador ou borde, porque entón seguemos nas mesmas. O lóxico (se realmente esa conduta desa persoa non nos gusta e nos afecta dalgún xeito), e o que podería axudar en algo, sería recoñecerlle o seu éxito, sinceramente e sen retranca. E aínda que non nos afecte demasiado, podemos ser enrollados e simplemente axudar, ou como mínimo non entorpecer. A menos que a intención sexa explicitamente amolar... nese caso... pois conseguido.


Que o feito de recoñecerllo non vaia conseguir o cambio nesa esfera da persoa pode ser perfectamente posible, unha soa ocasión fronte a moitas non ten moi bo prognóstico; pero pechar a posibilidade en vez de intentar axudar, e que pouco a pouco poida haber máis veces momentos de éxito é un pouco tonto e non aporta beneficios, salvo que a opción mencionada antes de que se faga claramente para tocarlle a moral sexa a que guía a conduta do que usa a fraseciña, e así poder seguir roñando e queixándose da conduta do outro sexa como sexa.


Hai ocasións en que alguén fai algo ben cando a xente pensaba que sempre o facía mal e non axuda nada que recorran a usar a maldita frase, así non se deixa que cambie a tendencia e se poida empezar a mellorar. Pero aínda así hai xente que consegue mellorar, grazas a constancia e tenacidade pola súa parte e suándolla un pouco o que os demais poidan pensar ou as frases que poidan usar.


Ademais, outra incoherencia que atopo é que parece que a frase pódese usar cantas veces sexa, dá igual; pero “a excepción” normalmente implica un único suceso illado, a menos que se use o plural, claro, pero nunca oín dicir: “son as excepcións que confirman a regra”, xa que entón se hai varias excepcións parece complicado que exista o que se entende por regra...


En fin, que hai que falar ben e mellor non amolar por deporte.

1 visualización0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo
bottom of page