Buscar
  • Carlos Vila García

Melloría e efectos secundarios

As persoas somos mooooi complicadas. Existen tal cantidade de variables nas nosas vidas que moitas cousas escapan ao noso control, ben, realmente o “control absoluto” é unha quimera, tamén absoluta, e máis cando falamos das persoas e as súas relacións co mundo.


Así pode ser que nos pareza que cando algo evoluciona correctamente cara un cambio a mellor, efectivamente ese cambio será visto como bo para calquera persoa achegada ao que mellora. Pero por diferentes circunstancias non sempre se cumpre isto, que nun principio parecería, a todas luces, evidente.


O outro día repasaba uns apuntes que fixen sobre un curso que tiven o ano pasado e vin un exemplo claro de como a melloría de alguén pode repercutir “negativamente” nunha persoa achegada. As comiñas teñen a súa razón de ser, cando leades a historia imaxino que a maioría compartiredes comigo o por que das comiñas.



Os feitos foron os seguintes: unha muller madura con “fibromialxia e depresión” acudiu a un psicoterapeuta debido aos problemas e grandes inconvenientes que tiña na súa vida diaria debido á combinación deses dous diagnósticos. A muller estaba, segundo o seu relato, “peor ca nunca” ata ese momento. Non tiña traballo pero si unha pensión decente e aforros, e un dos seus fillos convivía con ela (trinta e pico anos tiña a criatura). Cando acudiu a terapia apenas saía da casa pola dor e polo baixo ánimo, que era case nulo para facer nada que non fose as cousas que se requirían para manter unha casa en marcha, e iso a duras penas (xa todos e todas sabedes: coladas de roupa, limpeza, comida, certa orde en xeral, papeleos varios cando se requirían...). A compra normalmente facíaa por teléfono ou internet e só baixaba para cousas puntuais á tenda do barrio.


Despois de varias sesións a muller empezaba a estar algo mellor, saía algo máis, asistía ao centro sociocultural do barrio e retomara a relación con varias veciñas e veciños. Máis tarde empezou a ir a clases de pintura e descubriu que era bastante boa (ao seu parecer polo menos, que é o que importa, pois iso animábaa a seguir). Unha cousa levou á outra e tres meses e pico despois de empezar a terapia quedaba asiduamente cun grupo de veciños para facer algo de exercicio dando unhas camiñadas decentes e tomar algo polo barrio, xa non facía toda a compra por teléfono ou internet pois podía levar o carriño mediado sen demasiado esforzo nin dor, seguía coas súas clases de pintura e pintaba na casa nunha habitación que lle “requisara” ao fillo, xa que el só a usaba como “almacén” (e para iso mesmo podía usar o faiado).


Pasados cerca de catro meses e con todos eses cambios en marcha e avanzando, un día o seu psicólogo ao saír do seu traballo atopou a un home que lle preguntou se el era Fulaniño de Tal, e se era psicólogo. Ante a afirmación do psicólogo ese home deuse a coñecer como o fillo da clienta “fibromiálxica/deprimida”, e cun cabreo próximo a 10 montoulle un cristo que nin dios dicíndolle “Devólveme á miña nai, cabrón, preferíaa deprimida!”, tamén lle dixo que esa muller coa que vivía agora xa non era a súa nai, e que a ver que se cría el facéndolle esas cousas á xente... INCOMPRENSIBLE pode parecer. Como alguén non se pode dar conta da enorme melloría desa muller comparado cuns meses atrás?


O feito en realidade é que o fillo si se daba conta perfectamente da melloría, pero a el íalle mal a nova nai: estaba menos na casa, en moitas ocasións a cea tiña que facela el, tíñase que preocupar por facer el tamén algunha colada se quería ter a súa roupa preferida lavada cando quería poñela, parte da limpeza, compra... en fin, a vida costa arriba.


Con este exemplo vese claramente que ás veces o que é bo para uns pode non selo para outros. Obviamente é un exemplo algo extremo, pero así resulta máis fácil ver o que pretendo mostrar. Está claro que ese “neno” de trinta e pico anos era un pouco capullo cando pretendía que a súa nai seguira afundida nese mundo para así poder ter el “asistenta 24 horas” e non facer nada na casa na que vivía.


Pois si, como vedes pódese dar o caso de persoas que melloren un mundo con respecto aos problemas que tiñan, pero tamén pode haber a quen iso non lle guste. Habitualmente se as dúas persoas teñen verdadeira estima unha pola outra lévanse mellor as cousas, pois a pesar dos posibles cambios, convives con alguén cunha vida mellorada, e iso sempre debería traducirse en beneficio para ambos a fin de contas, e ademais, se queres a esa persoa dá igual o resto.



0 vistas0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo

A Lei do M.E.

O outro día (hai pouco) preguntábame se haberá moita xente que cando ten que facer unha determinada tarefa opta e busca a forma de facela o máis enrevesada e complicada posible... quero dicir a propós

Amodo!