Mira que hai libros e pelis que tocan o apaixonante tema dos mundos paralelos; a existencia de varias realidades diferentes pero que teñen lugar á vez en sitios e épocas diferentes, nas que poden existir réplicas nosas pero que probablemente non sexan coma nós pois a súa historia é diferente e as súas circunstancias tamén. Para flipar en cores, ou non?
Pois igual non tanto, creo eu... Os “mundos paralelos”, as realidades diferentes pero incluso no mesmo tempo e espazo, son algo que podemos experimentar a diario pero hai moitas persoas que non se dan conta de que sucede (o cal vai ser motivo de conflito asegurado).
Non son seguidor de Iker, pero É CERTO o que acabo de dicir. Tan certo como que a terra é redonda; aínda que hai un par de días vin unha pintada que aseguraba que era plana... En fin, desvíome, ao que iba:
Dádesvos conta dalgunha ocasión na que falando con alguén sobre algo en concreto parecía que estabades a falar de cousas totalmente diferentes? Ou algún momento no que alguén está falando doutra persoa que vós tamén coñecedes pero non se parece en nada a súa descripción de como é, á que vós tendes na vosa mente? Si, esas cousas pasan aquí, no noso mundo, na nosa “realidade” (que por definición significa que é así e non hai volta de folla).
Uns amigos falando das vacacións que acaban de pasar xuntos: un deles comenta -“Foi divertidísimo cando Menganito pasou polo control do aeroporto, e como tiña que quitar o cinto non tardaron en caérselle os pantalóns nun un minuto... xusto o día que coas prisas e nervios da viaxe non puxera roupa interior”- Pero outra persoa do grupo de amigos vivíu a mesma situación como unha humillación enorme, pois Menganito é a súa parella e toda a xente presente veíaos abrazados os momentos previos á “caida”. Ou unha muller coa que se mete o típico machito gilipollas (bueno, perdón, quizais isto último sobra, sobreenténdese que o é) e cando ela está disposta a darlle a réplica ou o que faga falta para paralo, vai un colega dela (probablemente con boa intención) e ponse en plan “aquí-estoy-yo-para-defender-a-las-pobres-chicas-que-ellas-no-pueden-hacerlo-solas”... Pensádeo, as historias dos protagonistas van ser parecidas? Pois eu creo que van estar a anos luz, e os feitos eran os mesmos para toda a xente presente.
“Realidades” diferentes pero a mesma situación. Mundos paralelos? definitivamente.
O anterior explícao moitísimo mellor (onde vai parar) a película de 1950 de Akira Kurosawa “Rashomon”, baseada nun conto de Ryunosuke Akutagawa. Non explico máis, mirádea ou lédeo.
Retomando o apuntado máis arriba, tamén pode ser que nalgún momento escoitemos como alguén coñecido fala de que acaban de presentarlle a outra persoa que nós xa coñeciamos, e tal como fala dela non parece en absoluto tratarse desa mesma persoa. Será un alter ego doutra dimensión? Poidera ser... mais é probable que o mesmo tipo mostrara un rexistro diferente ante esa outra persoa que ante nós. Nós mesmos somos varios no mesmo espazo físico que ocupa o noso corpo, non nos comportamos sempre igual, depende do contexto, o cal abrangue o sitio, a compañía, as nosas intencións... Non hai un único EU, somos diferentes segundo o contexto no que esteamos (chámase adaptabilidade, non posesión nin personalidade múltiple).
Así que queda demostrada a teoría dos mundos paralelos ou realidades alternativas, non é ciencia ficción como quizais pensabades a maioría de vós. Espero que esta noticia non vos quite o sono, en realidade ter esta información confire un gran poder sobre as nosas relacións sociais.
Ao fin e ao cabo todo é cuestión de percepción, como dixo un filósofo (Bertrand Rusell, creo): ”O tigre, o león e a pantera son animais inofensivos; en cambio, as galiñas, os gansos e os parrulos son animais altamente perigosos... explicaba unha miñoca aos seus fillos”.
Comments