Psicoanálise, terapia condutual, terapia cognitiva, terapia cognitivo-condutual, terapia humanista, gestalt, terapia sistémica... Hai moitas formas de traballar en psicoloxía, moitos xeitos de chegar ao mesmo sitio, ou a un moi parecido.
A semana pasada tiven unha chamada telefónica para pedirme unha cita, iso si, antes pasei un pequeno interrogatorio sobre o meu método de traballo (algo comprensible e aceptable). Na web de Claves intento explicarpor enriba algo ao respecto sen meterme en terminoloxía que maioritariamente só usamos os psicólogos, nin dar unha chapa enorme que non lería a maioría da xente. Non me mola e ademais igual a xente nin se enteraría do rollo; iso si, se o explicas con palabros pode quedar da hostia, en plan superexperto... Desde logo sempre explico antes de empezar a 1ª sesión como traballo para que as persoas saiban como vai ir o tema.
Frank Sinatra en 1969 e Sid Vicious en 1978 dúas interpretacións moi "ao seu xeito" da canción My Way (Versións da orixinal francesa: Comme d'habitude)
Na psicoloxía, como noutras disciplinas (mmm... disciplina sóame feo), como noutras ramas do coñecemento, existen distintas tendencias, opinións, escolas... unha ampla variedade ás veces. Despois tamén hai subdivisións dentro de cada escola. E logo (por se non fora suficiente) cada un de nós temos os nosos matices. É así, son cousas moi humanas, e paréceme ben.
O importante é aportar beneficios ao teu cliente facendo as cousas ben e con honestidade, e sobre todo, adaptarte ao que busca.
Unha das bases da terapia breve sistémica (o meu xeito de traballar) é buscar por que se perpetúa un problema, máis que buscar e remexer en posibles causas do problema; xa que en psicoloxía, a maioría das veces, saber a causa non garante para nada unha solución. O pasado non podemos modificalo, o presente si.
Nalgunha ocasión (moi poucas) pasóume que alguén quería saber “de donde ven isto que me pasa”, pero moralmente non me vin capacitado para esa busca da orixe do problema, porque igual acerto, ou igual non, a fin de contas pode ser todo unha elucubración, e non me parece honesto que a xente perda niso as sesións (tempo e cartos en definitiva), motivo polo que lles pregunto se prefiren saber a suposta orixe ou buscar unha solución ao problema. Entre as dúas opcións nunca me dixeron saber a orixe...
Isto, por suposto, non quere dicir que non poidamos chegar á conclusión de que un evento puido propiciar determinada consecuencia, isto é bastante básico e normal na maioría das persoas e, queras que non, son hipóteses que sempre se nos pasan pola cabeza. Ata certo punto é inevitable.
A pesar do que acabo de explicar, obviamente sempre hai un espazo para falar das cousas relacionadas co problema no pasado, xa que todos somos un cúmulo das nosas experiencias e resulta importante saber ese tipo de cousas para facernos unha idea de como funciona e como pode ser cada persoa. Somos como somos en gran parte por todo o acontecido nas nosas vidas.
Tamén en terapia breve hai unha máxima que pode resultar paradóxica: non darse prisa! isto é importantísimo, ir amodo é crucial para lograr algo estable e cambiar a situación cara algo, como mínimo, manexable e que non resulte imposibilitador.
En principio, e na gran maioría das ocasións, non se necesitan máis de 10 sesións (xeralmente menos) para lograr un cambio aceptable e importante do problema presentado.
Outro detalle importante sobre a terapia breve é que se teñen en conta os matices que cada un ten á hora de interpretar a “realidade”. Non todos percibimos o mesmo na mesma situación: por exemplo, unha actuación de danza e música é percibida de forma moi distinta por unha bailarina que por alguén que non ten nin idea sobre baile (comprobeino hai pouco nunha conversa); por outra banda, cambiando o foco totalmente, tamén está claro que EEUU e Rusia non ven igual o tema ucraíno...Hai exemplos infinitos e son o pan de cada día.
Teño clarísimo que cada un ve a súa “realidade” de forma un pouco (ou un moito) diferente a como a poden ver outros, saber isto axuda moitísimo á hora de comprender a inmensa maioría dos comportamentos. E cando as persoas ven iso e actuan en consecuencia... cambia moito o conto.
Outro aspecto interesante é ver que é o que vai axudar a quen nos fai a consulta, cal pode ser a mellor forma, e a máis fácil, de botar unha man a esa persoa en concreto, tendo en conta sempre que é o que el ou ela quere. Aquí atopamos unha das cousas que máis me gusta desta forma de traballar: que sempre é algo diferente segundo a xente que estea en terapia, pódese dicir que existe un compoñente de “artesanía”. Por isto non é en absoluto aburrida para o psicoterapeuta, ao contrario do que pensaba eu en 4º de carreira vendo o que estudabamos (pasar tests, analizar tests, segundo o resultado facer A ou B...). E a avantaxe derivada disto é que sempre estás ao que tes que estar, e non te volves medio autómata no teu traballo (non digo que outros o fagan, pero eu creo que a min podería pasarme tras facer o mesmo un cento de veces). Promove a inventiva e estimula o cerebro.
Realmente encántame o meu curro.
Commentaires