Quería facer unha simple reflexión que leva tempo rondándome a cabeza (ben, simple en realidade non o é, o tema é complicado de narices). Igual a alguén pode parecerlle un peñazo pero tiña que falar disto, se non non quedaba tranquilo (a miña tranquilidade é importante para min, como para cada un a súa). Non pretendo dar unha solución xa que fácil non sería e incluso podería ser imposible. Ademais é un problema global, non a nivel individual ou “caseiro”. E aínda por riba cambiar algo leva certo tempo, non é de hoxe para mañá.
Ben, aí vou! O capitalismo... buuuff! Todas sabemos que é un sistema económico baseado no mercado libre e que basicamente busca sacar a mellor tallada posible a costa do que sexa (moitos miramentos nunca tivo).
Desde que as sociedades humanas empezaron a facerse complexas apareceron ou xurdiron necesidades, ou máis ben fomos creándoas. Comerciar está ben en principio, trocamos unhas cousas por outras e todos podemos saír gañando. O tema vai ser como se faga; que valores se asuman será crucial á hora de desenvolver calquera tipo de actividade na vida, e segundo estes valores será unha actividade máis xusta ou máis inxusta.
Pode parecer un tema fóra do que habitualmente escribo (en xeral cousas que nos rondan a cabeza ou condutas molestas...), pero non, porque a todas as persoas inflúenos, en distinta medida a cada un, todo o que está ao noso redor e todo o que nos vai pasando ao longo do tempo, creando máis ou menos quen somos. A nosa forma de pensar e de ver o mundo, a “realidade” tal como a entenda cada un, ven dada polo que imos vendo e vivindo. E así, igual que sempre nos repercute en algo a moral xudeocristiana aínda que sexamos ateos, ou o machismo imperante aínda que esteamos convencidos e intentemos ser feministas, tamén o sistema económico forma parte das nosas vidas e por suposto tamén nos inflúe.
Na sociedade na que vivimos o obxectivo que se nos marca por defecto será posuír TODO o posible e trepar en busca do éxito, económico sobre todo, pero en realidade ao final acaba estendéndose a case tódalas esferas da vida cotiá, e o que máis se valora en xeral na sociedade é ter éxito en todo o que se emprenda e sen demasiados miramentos (se hai que pisar a alguén... písaselle). Ah, e tamén hai que emprender un montón de cousas porque así somos máis guais.
Ao final que pasa? Que se nos cremos os valores que van asociados a este sistema económico empezamos a ter determinados problemas que quizais non teriamos, porque hai que maximizar a tope o rendemento en tódolos ámbitos: cartos, traballo, escola, ocio, sexo, relacións sociais... Ser os mellores en todo o que nos propoñamos.
Contra un sistema económico tan afianzado e estendido non poderemos facer nada por desgraza (salvo que o 99%, e tiro polo baixo, que somos os que non temos o poder económico nin político, chegaramos a un acordo para cambiar o tema e ademais tiveramos todos a mesma idea en mente), pero aínda así hai unha solución a nivel local: non crernos a ideoloxía que ven da man do neoliberalismo e pasar desas historias (é máis doado dicilo que facelo, como case sempre). Non temos porque embarcarnos en mil proxectos, non temos porque ser os mellores en todos eles, non temos porque superarnos continuamente, non temos porque acumular cartos, poder, influencia, admiración, etc. Podemos contentarnos con ser relativamente bos no que nos guste e ser útiles aos demais, asumir que teremos fallos e fracasos, non vernos obrigados a facer isto ou o outro porque sexa unha moda ou estea ben visto a pesar de que non nos guste ou apeteza, podemos empezar unha actividade e abandonala se non nos gusta...
E con todo isto non quero dicir que non intentemos mellorar, iso é algo que a todos e todas nos gusta e quizais sexa parte da nosa “programación xenética”, pero se a nosa saúde (calquera das dúas) vai resultar moi afectada, habería que reconsiderar a situación.
O fracaso, que o neoliberalismo (ou capitalismo) define perfectamente, leva a innumerables persoas ao que psiquiatricamente se coñece como ansiedade e depresión, por non sentirse como cren que deben sentirse (ou máis ben como nos indican que debemos sentirnos). Ademais está claro que este sistema crea cada vez máis desigualdade, iso non o pode discutir nin dios, e a maior desigualdade, maior prevalencia de problemas de saúde mental (innumerables datos sobre isto).
Por sorte hai pequenos redutos de persoas que loitan todo o que poden por facer as cousas, a súa vida en xeral, algo fóra do que “manda” a sociedade, polo menos ata onde poden, xa que queiramos ou non vivimos onde vivimos.
Comments