Buscar
  • Carlos Vila García

Prudentes... de máis

Festas da Ascensión, Compostela: dúas nenas (de 7 anos aprox.) compañeiras de clase, atópanse nas atraccións da Alameda, que alegría! e deciden ir xuntas a distintas atraccións. Hai un lixeiro desacordo sobre a onde ir: carrusel de cabaliños con randeeiras de cadeas, pista de bolas-colchonetas-obstáculos varios (unha especie de pista americana para rapazada), “autoestrada” de vehículos variados (coa pista a dous niveis e de baixa e constante velocidade –pouco adrenalínico-) ou tren-dragón de velocidades hipersónicas... O pai dunha delas pensa que os coches da autoestrada é o máis molón, e aínda que o percibe “un pouco inseguro” parécelle mellor elección que as outras loucuras propostas (realmente a atracción non está moi adaptada á súa idade, cústalles meterse nos habitáculos porque son pequenos de máis). A outra nena pon cara de circunstancias pero ben, por algún sitio hai que empezar. Esta sube correndo polo seu propio pé e escolle coche, a outra é collida no colo e levada con moito coidado ata o vehículo do lado. Cando remata a trepidante atracción os nenos e nenas de 4 ou 5 anos saen escopetados á seguinte atracción, e o pai dille á nena que espere para collela de novo no colo e sacala do coche con moooito coidado de novo. A emoción non é suficiente e como o pai-que-recolle-no-colo atopa a coñecidos, o outro pai faise cargo das dúas. A nena-que-é-recollida-no-colo propón entón (ai dios mío!!) ir ao carrusel de cabaliños en plan escaqueo aproveitando a falta de “vixilancia” paterna, pero aos asentos exteriores eh!! os das cadeas de toda a vida!!... Ao final tras moita discreción e sixilo, non a vaian pillar, acaba “rajándose” porque igual é moito para ela. Pobriña.


Xa desde moi pequenos temos ese instinto de coidar e protexer o que máis estimamos e queremos: o noso boneco ou xoguete favorito, a algún coleguita en apuros, a irmáns ou curmáns (de cando en vez polo menos, xa que ás veces rifamos cos máis achegados), etc.


Unha tendencia natural das persoas é coidar o mellor que poidamos do que máis nos interesa, e isto abrangue desde calquera cousa ou obxecto a calquera persoa ou relación con persoas.


Moi ben, este aspecto non é só patrimonio da humanidade, moitas especies animais, polo menos gran parte das consideradas máis evolucionadas ou complexas, tamén o teñen escrito no seu código xenético. O obxectivo final é asegurar a supervivencia da especie coidando duns individuos concretos, a familia ou grupo social.


Isto sempre foi así: coidar do máis achegado a nós para que non pase mal, ou o menos mal posible polo menos. Aínda que teño a sensación de que nas últimas 3 ou 4 décadas, e polo menos no noso acomodado e occidental primeiro mundo, imos demasiado lanzados neste aspecto. Xa sei que hai de todo e quizais non é unha tendencia superxeneralizada, pero creo que unha tendencia bastante clara si que existe: preténdese coidar incluso máis alá do que sería o punto “axeitado” de máximo coidado. Quen serei eu para dicir cal é ese punto? Isto é certo, e non pretendo tal, cada un terá os seus propios baremos, pero realmente hai un punto no que xa estariamos axudando máis a crear un medo excesivo, co resultado de que podemos entorpecer a autonomía de esas persoas e que poden acabar sendo “dependentes” no sentido en que non poderán ou non se verán capaces de facer moitísimas cousas que fai case todo dios... como unha nena de 7 anos que quere facer o que fan os demais subindo ás cadeas do carrusel pero ao final non hai valor suficiente, seguramente porque aprendeu que iso é chungo e arriscado.


Moitos (non todos por sorte para eles) non van saber desenvolverse máis adiante con eficiencia en moitas cousas do día a día, e van buscar “solucionadores” para quitar as castañas do lume. É a lección aprendida.


Que conste que eu valorei sempre a prudencia eh! non son un tolo: se un compañeiro de clase tarado e supermacho decidía que había que subirse a unha árbore e colgarse da pola que sobresae sobre un desnivel de varios metros por que se non es un “nenaza”, eu era un nenaza sen puto problema. O asunto de protexer a quen queremos pero tamén de ensinarlle a ter xeito e algo de prudencia, como todo, móvese nun rango de grises, non é branco ou negro exclusivamente, e cada un e cada unha escollen o seu ton de gris. Ademais ese ton de gris non ten porque ser definitivo e permanente, xa que sempre se pode ir aclarando ou escurecendo ao longo do tempo.


Tamén sei que no momento en que estamos a coidar e protexer pode ser difícil darse conta de se realmente estamos axudando... ou jodendo; e digo explicitamente no momento porque pode ser que, tempo máis tarde, nos pareza que igual estivemos un pouco protectores de máis, cando xa vemos as consecuencias de non deixar facer cando igual había que deixar facer. Naquel intre concreto prevalecía máis o “medo” a que o obxecto do noso coidado sufrira calquera tipo de dano por ínfimo que este fora, que a idea de que é bo enfrontarse ao mundo e levar algún pau no intento. Aquí obviamente vai haber tanta variabilidade como persoas.


O equilibrio entre hipercoidado e protección absoluta, e pasar de todo e que se apañen completamente sós, non ten por que ser difícil se é algo que consideramos e temos en conta previamente, porque como xa dixen, no momento dos feitos é posible que o noso instinto sexa algo “esaxerado” e sobreprotector. É importante que as persoas ao noso coidado experimenten os avatares da vida, atenuados se é necesario por determinadas circunstancias de cada un: non é igual un adulto que un adolescente que un neno ou nena moi pequenos, a cada un corresponderalle un control diferente, ou ningún (como no caso do adulto) se xa o fumos traballando ao longo do tempo.

0 visualizaciones0 comentarios

Entradas Recientes

Ver todo